26 A sogra que lle cadróu en sorte a Pedro

dous-sempre_0025

Pedro foi atrapado e casóuse. A muller era laidiña, pero traballadora e cobizosa. Chamábase Filomena, como súa nai. Tiña un taller de costura e padecía do estómago.

A casa cheiraba a mexo de gato.

O casamento foi amañado pola sogra: unha viuda peituda que sempre falaba do seu home pousando a man dereita no molete esquerdo, a dúas coartas do corazón.

—¡Eiquí o levo sempre. Eiquí!

E mesmamente parecía que naquel embrullo portaba ao difunto.

Empeñábase en rir coa boca pechada, de puro remilgo, i eran tan reparona en cousas de moral allea que chegóu a ferir de palabra a unha veciña, por andar amostrando unha radiografía.

—Esa é unha escandalosa. Nin ten reparo en amostrar un retrato que lle fixo o médico, onde se lle marca todo, todo. Con decir que se lle ven os osos!…

Ende mal a siña Filomena tiña hestoria e a filla seique non era de matrimonio. Amiga de amparar amores alleos foino sempre, dende rapaza; i eu sei que a súa primeira obra realizóuna nun galiñeiro. Velahí cómo sucedéu.

Non contaría máis de doce anos e xa se decatara de que o galo era o sultán e que todas as galiñas eran súas concubinas. No galiñeiro medrara un polo que quería galear, pero nin as galiñas lle daban tino nin o galo sería quén de consentilo. O polo tiña medo, mais ás veces esquecíase do galo e daba unha reviravolta namoradeira arrentes dunha galiña. A galiña corría en dereitura do señor, e velahí aparecía o sultán polainudo, a pedirlle contas ao polo. O galo viña tripando a terra con aire belicoso e o malpocado polo fuxía que voaba…

Agás de tanta honradez unha das galiñas era coqueta, pois deixábase facer a rosca polo galán novo; gustáballe que se esperguizase ao seu redor e poñíase escarolada cos agarimos; pero a churra coqueta e o galán tremían de medo.

A rapaza adicóuse a protexer aqueles amores, e unha vez tapounos tan ben do galo que se cometéu, ás agachadiñas, un tremendo adulterio no galiñeiro.

O máis pior é que cando a rapaza chegóu a muller siguéu amparando amores alleos, coidando que o mundo era un gran galiñeiro. E aínda aseguran que chegóu a vivir deso…

O que xa non son faladurías é que vivéu amachembrada cun vello empregado da Facenda pública e que se casóu por miragre. Enfermara ela de tal maneira que todos pensaban que tiña os alentos contados, e para entrar no Ceo compría que se casase. O cura da parroquia petóu na concendia do empregado e fíxose o casamento «in artículo mortis»; mais o conto foi que a siña Filomena revivéu. Por certo que o home dispóis decía:

—A miña muller é dura como un croio. Unha vez estaba tan a pique de se morrer que lle puxeron catro sacramentos xuntos: o da confesión, o da comunión, o da estremaución e o do matrimonio… ¡E nin por esas!

¡Boa sorte lle agardaba a Pedro con semellante sogra!

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *