14 Cando volvemos a topar a Pedriño econtrámolo endeble, como un prixel

dous-sempre_0013

Para seguir a historia dos dous de sempre temos de ir e vir. Agora atopámonos a carón de Pedriño, que salvóu da morte por verdadeiro miragre. Máis de dous meses estivo no leito, sen dar azo de sí, a pique de que se lle desvencellase a ialma. O mesmo médico chegóu a perder os libros. A tía Ádega ofereceuno a Santa Comba, i entón Pedriño abríu os ollos e dixo:

—Mi-ña tí-a: dé-a-me au-ga.

A probe vella reloucóu de ledicia; mais aínda pasaron días de inquedanza. E cando Pedriño saíu do leito parecía un longueirón: chuchado, esgumiado, decrebado, sen cara onde se persinar.

Desque pasóu tempo dabondo para que Pedriño volvese ao seu ser, a vella determiñóu cumplir a promesa feita, con toda solenidade. O rapaz iría vestido de San Xosé, co mesmo hábito con que a tía pensaba adovialo para descer á cova.

A tía Ádega mercóu na tenda os panos e adovíos mellores, porque o comerciante, cando a vella regateaba, coutóulle os reparos con esta corda refleisión:

—E se Pedriño morrese, ¿non lle mercaría do mellor?

—Ai, eso sí. ¡Meu meniño!

A costureira tomóu medidas, púxose a cortar e coser e todo foi amañado axiña. E na mañán do primeiro domingo levóuse a cabo a ceremonia.

As campás de «don» e de «den» repenicaron unha muiñeira. Os balcóns e fiestras da veciñanza acuguláronse de xente. Os rapaces da vila rebuliron na rúa. A música preparóuse a tocar unha leda marcha de anxeliños.

Abreuse a porta da casa e saíu primeiro un ataúde branco con guirindolas de frores. Dispóis asomóu Pedriño con hábito verde, ribeteado de tiras prateadas, e unha capa bermella, ourelada de fitas de ouro; a testa cinguida por unha coroa de «francesiñas» de cera; na man o varal frorecido do Santo. A tía Ádega viña detrás, a chorar, levando unha vela rizada.

¡Qué fachenda sintéu Pedriño! Porque das fiestras e balcóns deitaban alaudos á súa bonitura; os rapaces arregalaban os ollos, envexosos, diante de tal regalía de coores; as xentes da rúa loitaban para dexergar, de perto, os írtidos atavíos; as campás repenicaban por el e a música tocaba por el, para levalo en procesión.

Moi amodiño, porque a tía Ádega camiñaba de xionllos, chegaron á eirexa parroquial, onde se celebróu unha misa cantada, e ao rematar a misa pousaron encol do altar de Santa Comba o ataúde, a vela rizada e os atavíos do rapaz. Con esto remataba todo.

Cando a tía e o sobriño saíron ao adro, os rapaces da vila sorriron, malinos e vengatibles, ao ver a Pedriño trocado en ninguén.

Dende aquela os rillotes comezaron a chamarlle «o difunto San Xosé» e Pedriño rillaba en silenzo as angurias da súa infelicidade. Chegaron a inventar cantares para apoupalo:

O Pedriño manxador

Chegóu a perder o unto

Levárono a Santa Comba

Cun hábito de difunto.

Cada día as bulras dos rapaces espancíanse máis, e o malpocado pechóuse na casa, a comer e durmir, cobizando a vida dos vermes, dos vermes felices que moran nos xamóns.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *