43 Doado remate de Pedro López, o manxador

dous-sempre_0042

Pedro inventa doenzas para quedarse acochado no leito, libre dos aldraxes cotiáns da sogra, apodrecendo no seu mesmo sudre.

Nun soño recibe a visita do demo. Preséntaselle recachado no pear da fiestra, botando bafo polos ollos e lume pola boca.

—¡Ah, cobarde! ¿Por qué non lle dás morte á bochuda da túa sogra?

Entón Pedro abre os ollos e bate con eles na noite; mais o consello criminal alcende a fogueira das súas carraxes vencidas. A onda roxa esbóufalle no peito e xa non pode cerrar ollo.

Cando se fai o día Pedro é un home decidido a ser home. Érguese do leito i entra na cociña, onde a siña Filomena está soplando na lareira.

—Déame deseguida o almorzo.

A siña Filomena, acesa de soplar, revírase con cara de sorna morna.

—Vaites, vaites. E logo, ¿qué lle peta hoxe ao señorito? ¿Quer café ou chicolate?

—O que quero eu é decirlle que nesta casa non hai máis calzóns que os meus.

A siña Filomena pón as mans no bandullo i escachífase de risa; pero Pedro, fora de sí, apreixa un coitelo e sen máis zorrégalle tres puñeladas no molete dereito. Entón a sogra espance os brazos e berra esbaforida:

—¡Ai, que me matan! ¡Ai, que me matan!

Pedro coida que as feridas non son mortales e buscándolle o corazón zorrégalle tres novas puñaladas no molete esquerdo. A siña Filomena non pode rexer máis e cai esmorecida, redonda, con esta acusación nos beizos :

—¡Asesino!

Cando Pedro dá remate vil á siña Filomena parece un carniceiro: o pelo revolto i o peito aberto, os calzóns caídos, o coitelo apuñado… E con semellante facha vai polo seu pe á Comisaría. Alí declara mostrando as mans asesinas:

—Acabo de matar á miña sogra. Eu son un criminal.

Os policías, afeitos ao trato con xente ruín, non se asombran dabondo; pero redixen unha terríbel acta, meten a Pedro na prevención e levan o parte ao Xuzgado.

Non tardan en comparecer no lugar da traxedia o xuez, o aituario, o forense e o alguacil; mais en vez de toparen un crime atópanse cun rechouchío de risas. A siña Filomena, tan fanchoeira, coma sempre, mostra un coitelo de postre aos veciños en rolda.

—¡Meu probe! Veleiquí co que quixo matarme!…

De todas maneiras Pedro sigue na prevención todo o día; pero na bocanoite a mesma sogra vaino sacar do encerro. Rin os policías, rin as xentes que o ven saír, e a risa corre pola cibdade, como un andacio.

De alí endeante Pedro xa non é para a siña Filomena o pandote dos seus denostos, pois con aquel rauto masculino cobra categoría no esprito candongueiro da vella. Endelí Pedro fáise merescente de todos os comprimentos: recibe os «bós días», come do que hai, durme coa muller…

A siña Filomena trócase en nai amorosa, fártase de chorar diante do alcalde, pón os seus empeños en xogo, e conquire para o xenro un destiniño descansado.

Agora Pedro está ganando catro pesetas de xornal nunha caseta de consumos, na porta da cibdade, tendo conta de que non colen xamóns de matute. Pasa vida folgada e feliz, porque xa vai sendo vello e o ventre pídelle menos comida.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *