32 O desasisado comellón cai na rateira

dous-sempre_0031

Rañolas saíu do hospital sostido aínda con muletas, pero enriba das pernas de resorte. Ninguén que o vise recoñecería ao cacharulo de denantes. O cariz mácio e arrufado dáballe aires de fidalguía. O mesmo Rañolas sintéuse capitán, coma se lle rubise aos miolos a ialma guerreante do difunto dono das pernas. Para ser home comprido faltáballe guindar coas muletas.

Cabo de Rañolas vai o pataqueiro de Pedro cos andares esgallados e coa cara de lambe-foles, cavilando no xantar que agardaba por eles.

Era vrán e o alboroque celebróuse no enxido da taberna, debaixo dunha parra cangadiña de ácios maduros. A comida foi de atafego; mais o viño que botaron pola ialma abaixo dáballe azos a Pedro e fumes a Rañolas.

—Con estas pernas de artimaña e os meus cartos císcome na xente. Agora pódolle cuspir nun ollo a calquera, porque son tan home como o que máis.

—Pois eu voulle decir á miña sogra que a súa filla é a miña muller e que mando nela.

Os dous amigos estaban moi ledos, e dispóis de comer foron ao Café e fumaron puro con «anilla», eles que non sabían fumar; cando se despediron aquela noite, Pedro non rexía co bandullo.

—Deica outra, eh?

—Deica outra, non —dixo Rañolas— porque con esta ben che abonda.

O día seguinte amañecéu para Pedro co aballoamento de sempre: queixumes da muller, entirquiñencias dos fillos e roños da sogra. Un almorzo de papas de millo e velo ahí vai o manxador camiño da oficiña, co recordo da derradeira lupanda rillándolle o siso.

Entróu no negociado de «Clases pasivas» e sentóuse. Encol da mesa de traballo durmían moitos documentos. Pedro colléu o tídoo dun xubilado, e cando ía matarlle a póliza reparóu que valía dez pesos, e non tivo corazón para cometer semellante crime. ¡Estaba noviña! Quedóuse mirándoa, garimoso; doulle lástima, e para salvala dunha morte segura despegóuna, gardóuna e dispóis foina vender…

A póliza non morréu baixo o cuño egoísta da Facenda pública; pero morréu feita fricoladas e peperetes na andorga de Pedro. Aquel aito xeneroso sirvéulle somentes para seis merendas no enxido da taberna; pero na oficiña quedaban máis pólizas e Pedro repitéu o choio.

¡Nunca tal fixera! Descobréuse o feito e todos coidaron que o malpocado manxador era unlla larga. ¡Qué inxusticia! O degoiro de comida embazáralle o entendimento; pero Pedro non era un ladrón, inda que o condenasen as aparencias. ¿Ladrón o sobriño da tía Ádega! Pedro non merescía o castigo que lle deron, porque tendes de saber que o xefe —alma de secano— dou parte del ao Ministro e deixárono cesante.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *