3 Pedriño, o manxador, válese do escrequenado Rañolas para encherse

dous-sempre_0002

 

Pedriño, o fillo máis vello de Farruco, veu vivir coa tía Ádega. El era manso, doce, alabeeiro; pero tamén lacazán, pousafoles, e máis que nada comellón e lambeteiro.

Endexamáis podía ver comer sen pedir parte, e moitas veces daba noxo de velo tan debecido sempre, tan famento, inda que tivese o fol estoupado de comida.

Cando algún compañeiro comía unha mazán, Pedriño achegábase a el, paseniñamente, e decíalle con verdadeira homildade:

—¡Non tires o carozo, eh!

Dispóis Pedriño enfiaba os ollos de boi de Belén na gorxa do compañeiro, co degoiro dun mendicante que olla unha comida de casamento, e decíalle moi untuoso:

—¡Ben me podías deixar parte!

Sabía o gran broeiro que a comida non presta se un famento nos está contando as enviadas, e de cada bocado que recibía a mazán Pedriño alarmábase:

—¡Qué chantada lle meteches! Se lle das outra nin chisco queda dela!

Pedriño non deixaba de ollo ao rapaz da mazán deica sacarlla da boca pola persuasión.

O mellor que se podía inventar para comer con acougo unha mazán, estando diante Pedriño, era darlle outra a el, guindándolla de lonxe. E compría manxar ben ás carreiras, porque senón aínda viña o larchán en demanda do carozo.

O seu amigo máis achegado era o Rañolas: un rapaz eivadiño das pernas, que andaba en crequenas, por ter os remos engoumados. As pernas do Rañolas estaban tan encartadas que para andar de presa tiña que axudarse das mans, camiñando a catro pes.

A tía Ádega sempre lle berraba ao sobriño:

—Eu non sei qué gato andades a esfolar, tí e máis o xuncras de Rañolas. ¿Non haberá na vila un rapaz do teu igoal? Que o Noso-Señor me perdoe; pero dame noxo verte sempre con ese eivado!

Pedriño calaba, baixando as orellas; mais axiña volvía polo seu amigo Rañolas, tratando de meterllo polos ollos á vella, con verbas acuguladas de sentimento.

Con todo a tía Ádega non gustaba do Rañolas, aínda que lle tivese mágoa, pois o malpocado rapaz proviña dunha caste ruín. A súa nai, enlordada de pes a cabeza, non tiña un penisco por onde o demo poidese collela. Era ladra, borracha e candonga. O seu pai… nin a mesma nai podería decir quén fora. Agás da súa cepa e da súa facha, Rañolas era moi agudo, moi entendido e moi bó, según decía Pedriño, e a tía Ádega remataba calando e consentindo naquela amistade.

Na bocanoite dos días de vrán Pedriño e máis Rañolas sentábanse a falar na porta da tía Ádega.

—Pois eu —decía o comellón— se fose moi rico, moi rico, comería tres tartas diarias.

—Pois eu —decía o eivado— se fose moi rico, moi rico, andaría sempre dacabalo dun cabalo branco.

Os dous amigos, sentados a plan, comían as peras e mazáns que Rañolas sacaba da chambra, darrentes do coiro. Pedriño pagáballe con leicións de silabario.

—Mañán podes ir aos pexegos do Segredario.

—¡Tí moito falas; pero ten un can que!… ¡Eu iría ás mazáns do cura; pero aos pexegos do Segredario!…

—Pois se non trás pexegos xa non ando máis contigo.

E o probe Rañolas aparecía ao seguinte serán coa chambra inflada de pexegos.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *