17 Pedriño vaise da vila e a tía Ádega sotérrase na soedade

dous-sempre_0016

Compreuse a promesa de don Andrés, e un bó día chegóu no correio a «credencial» para Pedriño. Dende tal hora o rapaz da tía Ádega pasóu a ser un don Pedro, empregado na Facenda pública pola cativeza de cen pesos nada máis.

Cando don Andrés puxo nas máns do larchán o nomeamento, deitóulle un consello:

—Si é que chegas a xefe ou podes facer favores, e os paisanos che queren regalar polos e cabirtos, tí non deixes de collelos; pero gárdate de marmuracións. O que debes facer é alugar piso na casa en que viva calquer maxistrado, e a xente coidará que os regalos son para el.

A tía Ádega gabóu o chocalleiro consello do cacique, con surrisa piedosa.

—¡Non perdes das túas, home!

Para pagarlle a don Andrés vendéu a mellor leira da súa herdade. Dúas costureiras de branco e un xastre de fino encheron a casa, a cortar lenzos e panos. As camisas e cirolas saíron pintiparadas; mais o traxe malfadóuse por unha trascaburrada do mestre, que cortóu as dúas pernas do pantalón dun mesmo lado… A probe vella foi á tenda por máis pano, para remediar o trabucamento do xastre, e Pedriño saíu ganando dous pantalóns.

Antramentras o larpeiro se enfonchaba de ledicia, caían anos a bao nas costas da tía Ádega, i en poucos días troucóuse nunha vella vedreira. A door de verse arredada do sobriño, senlleira na soedade, cabe da morte, foi murchándose a ialma e o corpo. Os ollos enxoitos e devalados de tanto sofrimento.

Chegóu o día da marcha.

Nos vidros esbaran cendales de choiva, belidas de bágoas nos ollos da casa, e no pear dunha fiestra estáse a lavar o gato, alleo ás angurias da dona. Pedriño asobía tocatas parvas no seu apousamento, puñeladas no corazón da velliña.

O cocheiro bate na porta. Aparece Pedriño vestido co traxe novo. A tía Ádega abrázase a el i énchelle de bicos as fazulas.

—¡Adeus, meu meniño querido!

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *