37 Pedro faise pegoreiro e ten menos chencha que o seu cabalo

dous-sempre_0036

Manoel era tan bó que teimaba facer do curmán un home de proveito; pero cando veu que Pedro non tiña caletre para o comercio nin lombo para o traballo, mandóuno a unha «estancia», pensando que o folgado mester de coidar ovellas sería ocupación pintiparada para el. Na Pampa, si o vento sopla de popa, pódese chegar de pegoreiro a dono de moitas légoas de terra, de moitos rebaños e armentías, como chegaron outros larcháns.

Pedro saíu do comercio de Manoel en compaña dun domador de poltros. Marchóuse vestido de «gaucho», ás acarranchapernas dun «mancarrón» aparellado con gornimentos do trinque.

Aquela noite deprendéu a facer a cama co «recado» do cabalo e a dormir arrentes do chán, nun alboio sen portas, esvarándolle pola face o noitébrego alento dos campos. E no almorzo do seguinte día xa dou mostras da súa desaxeitada cobiza. Sentóuse ao pé do «churrasco», en rolda de «gauchos» que apuñaban coitelos, e a primeira tallada que apañóu foi tan desconforme que todos surriron; pero cando quixo comer ao xeito dos compañeiros cortóuse a punta do nariz, i entón houbo risas longas.

O «estanciero», ao rematar o almorzo, dispuxo a tarefa de cada ún:

—«Ché, Juan: Vós que sós baqueano, lleváte a este gringo y enseñálo».

I endelí Pedro trocóuse en axudante de Juan, a cabalgar polos campos, en procura do gando; e decorridos moitos días de aprendimento, esfolóu as cachas, deitóu bagullas de door e ficóu tan panarra coma sempre. El deixábase levar a cegas polo cabalo, co sentido posto nas asentadeiras. E no intre de se deitaren inda ía Juan e curáballe as nádegas con sal e vinagre, para criar callo…

Cando xuzgaron que Pedro podía andar soio, mandárono á procura dun rebaño, e velahí vai o probe manxador montado no seu barrufeiro. Atravesa camposas con esqueletes de bestas; rube lombas senlleiras i esculca, a rezar o responso de San Antonio; pero as ovellas non aparecen. O cabalo afociña nunha tobeira de «bizcachas» e Pedro esnáfrase contra o chán. Voa de súpeto unha rolada de perdices e o corazón bátelle nos dentes. As nádegas dóenlle máis que nunca de tanto andar de cacho para cribo.

No devalo do sol avista un «rancho» i encamíñase cara el, porque alí pode haber xente que o guíe; e ao chegar atópase cunha fermosa «chinita» vestida de rosa, capaz de facerlle recachar o rabo ao mesmo can de San Roque.

—«Buena mujer: ¿Puede decirme dónde encontraré las ovejas de don Honorio Inchauspi?».

—«¿Y qué marca tienen?» —perguntóu a muller, con cara de bulra.

—«Punta lanza en la derecha y muesca en la izquierda».

—«¡Ah! Entonses… ¿vé usted aquel médano? Pues dele nomás derechito hasta encontrar la majada».

Si Pedro non fose parvo escoitaria unha voz carraxuda dentro do «rancho» e recoñecería o cabalo de don Honorio, locindo estribos e pasadores de prata.

O manxador atopa o rebaño, pero non sabe ónde cai a «estancia». Entón fíase do cabalo, sóltalle as rendas e déixase ir. Nesto aparece o «estanciero» e dille con cara de poucos amigos:

—«Mañana nomás volvés a la pulpería de Manuel, porque… el que nase barrigón es al ñudo que lo sinchen».

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *