40 Pedro non atopa folganza para os seus anceios de folgar

dous-sempre_0039

Algunhas noites a cea de Pedro é tan cativa que o xaxún escorréntalle o sono, deica o canto dos galos que anuncian o día. Entón Pedro repite para sí un dito de Rañolas: «Cada galo que canta nos faiados denuncia unha falcatruada, porque os labregos non regalan galos de balde». Dispóis lembra o seu paso polas oficiñas da Facenda e cavila, envexoso: «A min deixáronme cesante, e a eses que reciben galos nonos botan!».

Pedro non merece dos seus nin os «bós días». A sogra rósnalle aldraxes cando pasa cabo del, e o fillo, desprezativo, tómalle medidas a ollo. Somentes a muller e a filla mostran no silenzo das olladas un agarimo coutado.

A siña Filomena, percavida na súa ruindade do natural perigo de xuntanzas noiturnas, durme coa filla para que Pedro bufe só, a rillar anceios no máis arredado apousento da casa. ¡Probe home! De certo que non merecía semellante desprezo.

O que máis magoaba o seu corazón eran os fumes do rapaz, e unha vez colléuno polos hombreiros e díxolle:

—Cando se entra nun lugar onde hai xente é de boa crianza decir «bós días», si é de día, ou «bóas noites», si é de noite. E máis estando eu; porque son teu pai, ¿entendiches?, e se coidas que minto podes perguntarllo á túa nai.

O fillo surríu con cara de escachanoces, reviróu as costas e foise.

Pedro somentes atopaba espancimento no taller de Rañolas. O seu amigo gañara creto de reloxeiro e vivía ben; pero fuxíralle da face o ledo engado dos moinantes. Agora era un honrado artesán, tomaba café, cantaba nun orfeón e tiña voto.

Os dous amigos gardábanse lei e mataban xuntos as tardes murriñosas de froallo, a revivir cousas pasadas.

—Alá en París…

—A miña tía Ádega…

Unha vez entróu a filla de Pedro para falar co pai. A linda cara da rapaza revía tenrura, e nos ollos de Pedro formáronse belidas de auga.

—Tráiolle dúas pesetas dos meus aforros, porque dixo mamai Filomena que non lle dá de comer se non busca traballo.

O pai non sabía falar e a filla engadéu:

—¿Por qué non traballa, e todos lle habíamos de querer? ¡Traballe, papasiño!

Pedro ficóu calado, a tremer de medo e felicidade. A verba «papasiño» valía por cen xantares.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *