28 Pedro sinte un pulo pecadento e nin tansiquera ten alma de pecador

dous-sempre_0027

O demo tentóu a Pedro na primaveira, e unha oficiala de Filomena mostraba tales engados que decidéu cometer unha infidelidade. A costureira vivía nas aforas e compría darlle unha cotada no camiño, saíndolle ao encontro.

Pedro botóuse estrada adiante, co plan ben meditado. O corazón contáballe os segundos, os minutos, as horas… Ai, esta única aventura de Pedro val a pena de ser contada en forma poética.

Na lonxanía batido polo sol derradeiro escentilan os vidros dunha fiestra. Voan os corvos na fragosa bouza de eucalitos, berrando coma demos pechados nunha catedral. Os sinos das feligresías tanxen mainamente a todos os ventos.

Pedro agarda en axexo da costureira, co medo dun principiante en amores.

A paisaxe tórnase azul, un azul que vai esvaéndose nas tebras da noite. Calaron os corvos, e na negrume alcéndese unha fiestra en coor de laranxa.

Pedro espreita no camiño a volta da costureira xeitosa. Ten medo, como o ladrón que vai roubar con zapatos de rinchido.

A paisaxe botóuse a durmir, e no silenzo xurdiron os marmurios da iauga. Un mozo e máis unha moza palican ao pé da fonte. Na fonte foi enchéndose a caldeira da moza, e xa fai moito tempo que a iauga reverte.

Pedro síntese máis perto do pecado, e a ledicia, mesturada de medo, percórrelle o lombo. A costureira xa non pode tardar.

No bandullo mouro da noite oise unha buguina de automóvil e a estrada énchese de luz. Pasa fuxindo o auto e ao pasar chiscóu, de malicia, un ollo.

Por fin velahí ven a costureira, e Pedro, co corazón na boca, falóulle:

—¿E logo, rapaza?

—Boas noites, don Pedro. E vostede ¿qué fai pola aldea?

—Vin dando unha volta e colleume a noite.

Nesto pasóu outro automóvil e ao pasar asomóuse un home descoñecido, e berróulle con voz de sorna : —¡Xa llo contaréi á túa sogra!

O probe home ficóu cortado, e despidéuse ás carreiras da costureira.

Ben certo é que o demo non aconsella de modo. Pedro considerábase descoberto e deshonrado. Sentía xa todas as bulras dos compañeiros de oficiña e os aldraxes emponzoñados da súa sogra.

Pedro sintéu noxo de sí mesmo, e ao chegar ás primeiras luces da cibdade parecíalle que camiñaba encoiro, amostrando as vergonzas. Corría cara 0 seu fogar, fuxindo das xentes, aproveitando as rúas avesías e desertas, tapándose das olladas, arrimándose ás paredes… ¡Adúltero!

Endexamáis soupo quén era o dono do seu segredo vergoñento, e a sogra iñoróu aquel pecado; pero ¡qué días pasóu! Nin a comida lle entraba.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *