41 Rañolas aínda vale máis como “profundador” que como reloxeiro

dous-sempre_0040

Rañolas era un home tan grande que con dous libros que metéu na cachola tivo dabondo para latricar de todo, e Pedro quedábase pasmado diante da súa sabencia. Os problemas máis ensarillados non tiñan segredo para el con tal de que lle desen tempo para profundar. A cada intre surdíalle nos miolos un pensamento profundo.

Tamén enchía libretas, e velahí unha mostra do seu enxeño de escritor:

«Nin Rei nin Presidente. Eu coido que o símbolo máis auto dun Estado democrático debe ser un cuño de ouro, adoviado con pedrerías de moito valimento. Esta alfaia gardaríase pechada nunha causela de prata, a imitanza das custodias de catedral que sacan en procesión os coengos. A causela abriríase con tantas chaves como ministros tivese o Goberno, e cada chave sería unha insinia ministerial, de modo que xa non se falase de carteiras senón de chaves: A chave da Facenda, a chave da Xusticia… ¿Qué un decreto necesita o avalo superior? Pois xúntase o Consello de ministros, mete cada un deles a súa chave na causela e sácase o cuño para sellar o documento. Supoñamos unha apertura de Cortes: Sacarían a causela de prata, levada en ándias polos maxistrados do Tribunal Supremo e custodiada por gardas dacabalo; as tropas presentaríanlle armas; as bandas de reximento tocarían o himno. I en chegando ao Congreso póusase no sobrado presidencial, ruben os ministros para meter as chaves, séllase a aita de constitución do Palramento e xa está».

Nas lerias de Rañolas con Pedro xurdían ditos coma éstes:

—Non se sabe o que é a eleitricidade e andan xogando con ela. Calquera día fan esplotar o mundo…

—O sistema de poñerlle a cada país un coor diferente no mapa é unha invención dos patrioteiros, para engaiolar aos rapaces…

—Os que defenden a castidade para que o amor eisista, tamén podían defender a fame para que o comer sexa unha ledicia…

Rañolas deixábase levar pola fogaxe das verbas e decote saíase fora do rego; pero algunha vez atinaba.

—Mellor que ser o primeiro rico nunha terra de probes é ser o único probe nunha terra de ricos. Prestaríanche un auto coa sinxeleza con que os fumadores dan lume para alcender un pito. Tí non tes reló, pero podes preguntar a hora en que vives a ún que o teña, e hai que ver o gustiño que lle dás aos que levan reló de ouro, porque lles prestas ocasión de locir unha alfaia que levan no peto.

O maxín de Rañolas endexamáis delampaba e Pedro sabía calar; pero unha vez púxolle reparos. Foi que Rañolas quixo desenrolar unha teoría e comezóu decindo:

—¡Quén me dera ter vinte mil millóns de pesos!

E Pedro atallóuno:

—¿En qué os podías gastar, home? Porque aínda que comeras o que comeras…

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *