42 Rañolas endoudece na calma chicha da reloxería

dous-sempre_0041

Rañolas, a cismar sempre, foi fabricando a súa propria desventunra. O sosego percurado pesáballe xa na ialma deica renegar da vida, como un eucalito nado antre os railes do tren ou a mosca que nasce no inverno. Agás Pedro, non contaba con máis compañeiros que un canciño e aqueles dous libros que para el non tiñan remate: «A conquista do pan», de Kropotkin, e «As ruinas de Palmira», de Volney. E coas ideas que zugaba nos libros e as que lle criaba o maxín, o ledo mendicante trocóuse de arrebato nun anarquista.

As horas esbaraban na reloxería, e Rañolas, acedado como un abruño verde, mergullábase na lectura, para desembrullar pensamentos grandes e arriscados. I estando ensimismado en Kropotkin, o canciño iñocente —animal que reloucaba por enredar— apañóu nos dentes o libro de Volney e fíxoo cachizas. Cando Rañolas ollóu semellante destrago tivo que reprimir un pulo vengatible, e somentes dixo:

—¡Non sabes o que fixeches, animal! ¡Romper ese libro! ¡Matábate, condenado! Matábate se non fose porque xa o sei de memoria.

A perda do Volney ensuméu a Rañolas en Kropotkin e dende aquela embrullóuse nun fanatismo desesperado. Endebén as visitas cotiáns de Pedro eran o contrapeso dos seus desvaríos. O probe manxador portaba cada día unha coita nova.

—Onte non me deron de cear e a miña sogra chamóume mastodonte. Por certo… ¿tí sabes qué quer decir mastodonte?

—Home, non.

Nesto entra na reloxería unha criada.

—Rapaza: ¿tí sabes qué quer decir mastodonte? —perguntóu Pedro.

—¡Eu qué sei!… —respondéu a criada.

Dispóis entra un señor de gafas, e Pedro volve a inquirir.

—¿Vostede poderá decirme qué quer decir mastodonte?

—¿Mastodonte dixo? Pois… é un animal.

Pedro non queda satisfeito e diríxese ao comerciante de enfrente.

—Mire, don Ramón: ¿Vostede sabe qué quer decir mastodonte?

—Non; pero ímolo ver no diccionario.

I entón o comerciante cachea na M e comeza a ler: «Mastodonte: mamífero paquidermo fósil, semellante ao elefante, pero meirande…».

Pedro volve á reloxería para matar a tarde ollando cómo traballa Rañolas, e de cando en cando marmura:

—¡Mastodonte, eu! ¡Eu, mastodonte!

Rañolas, no remate da tarefa, dalle un consolo garimoso e pecha o taller para entregarse novamente ás profundacións.

Dende a porta olla os andares pousados do amigo, e profunda con verbas escaroladas:

—A min paréceme que Pedro vai perdendo as facultades… unhas facultades… esas facultades que agora non sei cómo lle chaman os médicos.

Dispóis péchase no apousento, esquecido do seu deber de orfeonista, que tantas ledicias lle proporcionaba cando era feliz.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *