8 Rañolas pasóu as fronteiras da Hespaña e comeza a ser home

dous-sempre_0007

 

En canto Pedriño anda aboiado polas rúas, como un papaleisón, Rañolas defende a súa vida e gaña o seu pan como pode.

Neste intre atópase en Lourdes, vendendo velas de cera aos pelengríns. De sol a sol aparece axoenllado na entrada da ponte, e non se sabe se vende, se pide ou se prega.

—¡Levaime unha veliña de cinco francos para que cinco anxos vos acompañen na hora da morte!

Ningunha das mulleres enloitadas que venden velas en Lourdes, pode competir coa donosía de Rañolas para enchouchar siereiros. O escrequenado deprendéu moitas cousas no longo camiño da miseria, e podería pensarse que herdóu o esprito dalgún mendicante galego do meioevo, daqueles falcatrueiros moinantes que con capa de santidade engaiolaban pelengríns no camiño de Compostela.

Rañolas sabe oracións en moitas língoas e vainas aplicando según a pinta dos pelengríns. Axiña que venta un fato de labregos franceses, poño por caso, comeza unha longa ledaíña de éisito seguro:

—«¡Ayez pitié de la faiblesse de notre foi! ¡Ayez pitié de ceux qui pleurent!»…

E os labregos franceses van mercando as velas de Rañolas, atraídos polo seu verbo piedoso.

Rañolas vende por conta dun negociante, baratilleiro estabrecido no «Boulevard de la Grotte», e por moito que venda non pode aforrar dabondo para fuxir das gadoupas do amo, que lle zuga o mellor proveito do seu traballo. ¡Ai, se lograse comerciar pola súa conta!

O baratilleiro é amo de moitos vendedores ventureiros que traballan para el no tempo das pelerinaxes. Home de poucas necesidás e moita cobiza de riqueza; xunta diñeiro por afán de coleicionar… Ten maneiras e ditos sospeitosos dunha vida luxada.

Na tenda do baratilleiro véndese canto inventóu a industria para matar o arte, canto discurréu o comercio para embazar a fe: imaxes da Virxe de Lourdes e de Xoana de Arco, en moitas materias cativas, algunhas con caixa de música que tocan o himno; estampas, postales, caramelos e chicolates da Bernardiña, «Souvenirs» de mil feituras, folletos con miragres, vasiños e garrafas para a iauga miragreira, etc. Todo mesturado con rosarios, medallas, escapularios e cruces. E no centro deste reino da chilindrada érguese a figura do baratilleiro enfardado nunha levita de difunto…

Cando a vida de Lourdes adormece, a tenda cérrase e o baratilleiro moquea o sono no agarimo da lareira. Entón Rañolas vende periódicos para ir tirando, e polas noites xiadas do inverno durme no faiado do baratilleiro.

Amo e criado téñense certa lei e o probe Rañolas vai mudando de ideas e creencias baixo a direición espritual do amo, que é un xudeo burgués, descreído e inmoral.

Eiquí Rañolas comeza a ser home. A lán de pexego con que saíra da súa terra trocóuselle nunha barba que pide navalla. E no esprito nasceulle un forte desexo de erguerse do chán, de ser home dereito.

Pero denantes de seguir adiante compre relatar feitos máis punxentes do seu longo viaxe.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *