24 Rañolas prepárase para ser feliz na súa terra

dous-sempre_0023

Rañolas dou na teima de compoñer relós. Na portería tiñan ún de péndulo, imposíbel de arranxo, e Rañolas deixóuno novo. Por todos os pisos da casa corréu a sona de Rañolas, e os veciños acudiron ao seu apartamento, en romería, para poñer nas máns miragreiras do mañoso as cachafullas que refugaron os reloxeiros. E os mortos saen andando.

Certo é que Rañolas xa sabe moito de reloxería porque siguéu un curso no «Conservatoire des Arts et Métiers» e na Sala dos reloxes antigos amolecéu os ollos de tanto esculcar. Os reloxes antigos teñen máis engado que os homes, Rañolas atópase máis ledo na súa compaña. Relós con tocatas de flauta, orgo e campás; relós de paxaros que axexan as horas para cantar; relós con persoaxes —cicáis reises e príncipes— que bailan ao són dunha musiquiña misteirosa. Rañolas ama os reloxes e soña con ser dono dunha reloxería, alá lonxe, na terra que o botóu ao mundo. E dagora envante non precisa máis que diñeiro… No «Boulevard Saint Michel» morréu o dono dun kiosque de periódicos, e a viuda púxose ao frente do choio. Muller mondongueira que nin para pecar de pensamento sirve, e de tan pouca vontade que cando se rí vánselle as augas… Rañolas faille visitas e vaina rulando para que lle ceda o negocio en arrendo. A viuda gusta de afogar penas, e Rañolas, aleivoso, agarda que se abufine ben para botarlle a cambadela. Un día o absento non soupo o que fixo e dende entón o moinante está sentado no kiosque, a gañar diñeiro.

O afiador ourensán foise despedir de Rañolas.

—Boeno, «mon vieux»; mañán «quito» París.

—¿Xa levarás bós cartiños para runflar alá.

—Nin cadela, home; pero levo as máns i est «porte-bonheur».

E o afiador saca do peto un cacho de pedra.

—Estabamos «là-haut», no frontón da «Madelaine», instalando o alumbrado, i escorregóuseme un pé… Ah, «mon Dieu». Agarréime a un santo daqueles e quedoume nas máns este dedo. «Et voilá».

—Pois cando teñas fame comes esa pedra.

—«Pas de blagues»; pero eu sei que me dará «bonheur» na nosa terra.

Rañolas, desta vez, tivo mágoa do afiador, porque el levará cartos e non unha figa… O seu maxín —argadelo de soños— dalle canto quer: diñeiro para a reloxería e remedio para a eiva das pernas.

Deixémolo a soñar.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *