2 Un rapaz que sería quén de manxar a seu pai polas pernas

dous-sempre_0001

 

A tía Ádega, chea de alifaces, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo aos meniños de Farruco: un sobriño casado fora da vila.

A probe vella mantíñase de peixes pequenos, dos peixes que mercan as señoras gordas para botarllos ao gato, e todo por aforrar para os fillos de Farruco.

En días sinalados a tía Ádega mandáballe aos sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de tarta, melindres, zucre…

Farruco ben merescía as axudas da tía Ádega, porque vivía feito un azacán; el, que fora o mozo máis enfonchado da vila, por quén toleaban as mozas de máis porqué!

Casárase Farruco e axiña comenzaran a choverlle nenos do ceo. O mozo, denantes algareiro e parrandista, trocárase nun limón estruchado polo traballo e as cavilacións. Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero compría moito pan para tantos peteiros abertos.

A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o probe pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amostraban o degoiro de comer. O probe Farruco chegóu a decatarse de que as andorgas dos nenos endexamáis se fartarían, e adicóuse a traballar sen acougo, resiñado coa súa cativa sorte.

Cando chegaba o caixón da tía Adega, os rapaces bailaban ao seu redor, e non saían da casa antramentras o caixón non se valdeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.

Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegóuse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertóu das súas cavilacións.

—¿De ónde veu o meniño, papai?

E Farruco respondeulle, por decir algo:

—Mandóuno a tía Ádega no caixón das lambetadas.

E Pedro, dispóis dun anaco de meditación, volvéu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia:

—¿E cándo o comemos?

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *