12 Unha proba da tenrura de Rañolas

dous-sempre_0011

Foi nun mercado castelán.

Unha regateira pandorga botóuse a correr como unha tola por antre o xentío. Os touciños non a deixaban bulir a gusto, e afogábase de cansazo, xemendo e bufando de carraxe. ¿Qué pasaría?

A xente sigueuna, intrigada, e Rañolas, que andaba por alí a pedir, foi detrás dela.

A regateira paróuse diante dunha muller endeble, probemente vestida, e de súpeto botóulle as poutas e sacóulle das mans un cesto que levaba. A muller do cesto, ficóu en pé, sen dar azo de sí.

—«¡Suelta ya lo que me has robáo sirvergonzona!».

E a regateira púxose a cachear dentro do cesto, remexendo todo. Dispóis emborcoulle o cesto no chán, que quedóu estrado de cousas baratas: pantrigo, peciñas de roupa, farrapos, retrincos de pano, unha vela de sebo… Os untos da pandorga abaneábanlle de moito mimo.

Decontado se formóu unha rolda de xente: labregos que non saben perdoar un roubo, e todos eles con máis aire de xueces que de testigos.

A regateira, dispóis de cachear en balde, encaróuse coa muller e zorregóulle unha labazada mortal; impunemente, coma se lle pegase a un santo de pau.

—«¿Dónde tiés lo robáo, guarra? ¡Dameló, sinó te mando prender!».

Entón a probe muller abréu o xustillo e sacóu darrentes do coiro uns zapatiños pequerrechiños.

—«Tome, señora y perdonemé», —marmulóu. E logo tapóuse, a chorar.

¡Ai, o roubado eran uns cativos zapatiños de neno! Algo que nas máns daquela muller endeble, semellaban dous anacos de pan abenzoado. Rañolas non tivo tempo de pensalo; mais por unha forza do seu bó natural saíu da rolda de xentes e plantóuse diante da regateira.

—¿Cánto custan eses zapatiños? —perguntóu.

—«Valen seis reales».

—Pois logo déamos, e velahí ten os cartos.

A regateira miróuno de esguello; máis vendo que o diñeiro do rapaz era de lei, gardóuno na faltriqueira i entregóulle os zapatiños.

Ninguén comprendéu aquelo, e a rolda de xente trocóuse en circo de cans. En algúns ollos aparecen pintiñas de luz malina.

Rañolas xuntóu as cousas que estaban ciscadas e meteunas no cesto da ladroeira; gardóu no fondo de todo os zapatiños, e dispóis fuxéu por antre as pernas da xente, correndo como unha lebre.

Por certo que ao sair da praza do mercado escoitóu a voz amiga dun afiador ourensán.

—Fuxe deseguida, rapaz, se non qués que che quenten a ialma!

E de alí a un instantiño camiñaba Rañolas dacabalo do burro, cantando unha cántiga mariñeira.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *