20 Xustificación da xenreira que sinte Pedro polo seu xefe

dous-sempre_0019

O xefe de Pedro é un home ruín que anda falando da ruindade dos demáis como o coleicionista que tolea cando dá cun exemplar novo. Tense por amante da lei porque lle gusta ser xuez do veciño. Mide a intelixencia dos empregados polo escalafón. Ponlle chatas a todo. Chámalle asesinos aos médicos, bandidos aos boticarios e ladróns aos comerciantes. Coxigoso e rallante.

Morréulle a nai e cando a levaban miróu o ataúde e somentes dixo:

—«Hay que ver con que paño negro forraron la caja. Estoy seguro que destiñe enseguida».

Vai todas as tardes ao café, e dispóis leva para a casa o zucre que lle sobra. Enriba da mesa do despacho ten un caixón onde deixa, empiadas, as pedras de zucre. O caixón xa está cheo, e o xefe de Pedro révese de contentamento ao ver a obra colmada. Unha obra que duróu anos de aforro e previsión, poñendo dúas pedras diarias.

Atendede porque agora ven o conto.

Regaláronlle un cadeliño repoludo e churrusqueiro, que aínda se bambea. O canciño medra sen que o amo se decate, e un día dalle por facer unha trasnada e rube á mesa do despacho. ¡Qué ledicia para o probe animal! Primeiro fártase de zucre, dispóis emborca o tinteiro, e o zucre que non pode comer queda enzoufado de tinta. O cadeliño chouta da mesa e ponse a bailar no sofá de luxo, e cando repara que se lle secaron os pés volve a enchoupalos na poza de tinta para dar un paseo por enriba das camas.

Chega o xefe de Pedro e quédase frío e varado diante dos estropicios, a meditar un castigo dino da súa xusticia. O xuicio non duróu cinco minutos. Baixa deseguida ao xardín, e ponse a cavar unha focha. O cadeliño baixóu detrás do amo e relouca de gusto. O xefe de Pedro colle o animal polo pelexo do pescozo e guinda con el na focha; bótalle terra por riba e… nada máis.

A xente conta mil cousas deste home terríbel e percavido, que endexamáis se pon a xeito para levar unha somanta. O xefe do negociado de «Clases pasivas» sabe tragar a pezoña que lle xurde na boca, porque os empregados non se deixan asoballar pola súa maldade, e o mesmo porteiro deprendéu a poñerlle cara de cán. Somentes Pedro é un manteiguiñas, incapaz de defenderse.

A cobardía do xefe cabalga na cobardía de Pedro, para locir as arroutadas que non é quén de descargar no lombo dos outros. Pedro sofre en silenzo; pero cómeno as xenreiras, e non pode ollar a cara daquel home sen desexarlle a morte.

Unha mañán tintinearon os vidros, abanearon os almarios e tremaron as paredes… O xefe caíu de xionllos, i entón Pedro abréu os brazos e miróu para o teito, buscando a Deus.

—¡Mátao agora, tremor divino!

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *